Para saber lo que pasa por aquí...

O BNG de Oleiros recolle propostas para emendar os Orzamentos da Xunta 2015

Comunicado de Prensa do BNG de Oleiros:

Todas as ideas achegadas serán trasladadas en forma de emendas ao Parlamento de Galiza a través das deputadas e deputados nacionalistas

Oleiros, 6 de novembro de 2014.- A Asemblea Local do BNG de Oleiros acordou iniciar coa veciñanza do municipio un proceso de recollida de propostas para emendar o proxecto de Orzamentos da Xunta de Galiza para 2015, que este mes inicia o seu trámite parlamentario.

Trátase, indican desde a formación nacionalista, de “pór en práctica a fórmula do orzamento participativo: preguntarlle directamente ás veciñas e veciños en que investirían o diñeiro proveniente da parte dos seus impostos que xestiona a Xunta de Galiza”.

O BNG recórdalle á veciñanza, mediante este proceso, que son moitos os aspectos do noso día a día que dependen das decisións do goberno galego e de como este decida investir o diñeiro público do que dispón: educación, sanidade, vivenda, transporte público, xestión de zonas portuarias, infraestruturas viarias de titularidade autonómica, etc.

O BNG de Oleiros presentou tradicionalmente emendas propias aos orzamentos da Xunta en anteriores exercicios, se ben este ano quere animar a que sexa a veciñanza a que directamente propoña posíbeis investimentos. O Bloque asume o compromiso de trasladar a través do seu grupo parlamentario todas as achegas veciñais, en forma de emenda, ao debate que nuns días se iniciará no Parlamento de Galiza.

A formación nacionalista en Oleiros está a desenvolver esta iniciativa a través do seu perfil nas redes sociais, Facebook e Twitter, mais recorda que calquera persoa pode achegar as súas ideas a través de correo electrónico (bng.oleiros@gmail.com) ou mesmo presencialmente, no local que o BNG ten no Porto de Santa Cruz, na parroquia de Liáns (Rúa Dolores Ibárruri, 6 – baixo: aberto todos os mércores de 20 a 21.30).

Deja un comentario