Para saber lo que pasa por aquí...

Entrevistas a los candidatos a la alcaldía: Fran Rei, candidato de BNG a la alcaldía de Oleiros

1º Cal é o seu proxecto estrela?

No BNG-Asembleas Abertas non cremos moito nos proxectos estrela, polo que teñen de fogo de artificio, de fume que ao final adoita acabar en nada ou en grandes estafas. Sen ir a grandes obras faraónicas, sinalaríamos dous proxectos, para nós, urxentes: un plan municipal de mobilidade (pensando non só nos coches) que vaia vinculado ao de urbanismo e un plan de reactivación económica e social do núcleo de Santa Cristina.

2º Cal será a primeira medida que tome?

Serían varias a un tempo. A primeira, pensando nas persoas: ver como redistribuír o gasto en salarios de asesores, alcalde e concelleiros con dedicación exclusiva ou os cartos anualmente dedicados a publicidade para destinalos a gasto social, a axudar no posíbel as persoas e familias máis afectadas por este reaxuste brutal do sistema capitalista que chaman crise económica.

3º Que proxecto oun idea lle faría mais ilusión levar a cabo ou rematar?

Gustaríame especialmente que Oleiros puidese recuperar o transporte público marítimo coa Coruña a través da Baía, poder abrir un albergue que achegase un perfil turístico diferente e, nun plano máis xeral, ter núcleos de poboación vivos todo o ano que permitisen que, ademais de vir, durmir ou pasear, tamén poidamos facer vida en común aquí sen necesidade de desprazarnos ao centro da Coruña ou a grandes centros comerciais para todo. Iso inclúe servizos, lecer e proxectos que xeren postos de traballo. Ir e vir ten que ser unha opción: nunca unha necesidade.

4º Daría licenza para unha cadea en Oleiros se trouxera postos de traballo? ¿E a un cemiterio nuclear?

No BNG-Asembleas Abertas de Oleiros non cremos na premisa do “todo vale”. Tampouco nos vale que haxa quen queira aproveitar vilmente a dramática situación de desemprego para facer negocio ou para xustificar verdadeiras fechorías. O BNG-Asembleas Abertas nunca permitirá a instalación dunha industria contaminante en Oleiros, nin como goberno nin como oposición: combateríamola até o derradeiro alento. Non cremos nese modelo de desenvolvemento. Canto a unha presidio, e sen crer que a solución penitencia sexa a única posíbel frente ao incumprimento das leis, cremos que non sería o mesmo caso. Aínda así, habería que estudar en profundidade o como, por que, onde e para que. E sempre desde o diálogo coa xente.

5º Gostarialle ser candidato en 2019?

Bastante teño con ser o de 2015! Hehehe. Agora a serio: nin o pensei. Eu estou aí por unha decisión colectiva, creo profundamente nos proxectos colectivos e será colectivamente como decidamos chegado o momento. Dependerá, por exemplo, da miña situación persoal, familiar e laboral de aquí a catro anos.

6º Aceptaría una Mezquita?

Por suposto. Oleiros ten nove igrexas parroquiais católicas (máis as anexas) e non pasa nada 🙂

7º Que opina do botellón?

Que é unha forma de socialización e convivencia da xente nova como antes houbo outras. Que o lecer xire arredor do alcol non é algo novidoso deste tempo, aínda que si preocupe que o fagan persoas moi novas sen control ningún. O que non pode ser é que o botellón sexa a única opción de lecer posíbel para a mocidade en xeral: hai que intensificar a prevención, a educación no consumo e, sobre todo, as alternativas de lecer. Tamén creo que hai que conseguir que o botellón conviva co descanso da xente ou coa limpeza de espazos públicos. Hai modelos onde se avanzou moito: hai que saír por aí e tomar nota.

8º Que opina do finanzamento municipal de luz e auga quente a familias en exclusión?

É fundamental. A auga, a luz, o gas…son servizos de primeira necesidade para garantir unha vida digna. E as administracións públicas están aí, entroutras cousas, para corrixir as desigualdades económicas ou sociais e para garantir esa vida digna a toda a veciñanza, con independencia dos seus ingresos. Un concello que non garanta algo tan primario é mellor que se disolva…

9º Sabe cantos embargos de vivendas producíronse en Oleiros?

Non posúo o dato e nin sequera sei se é público. Porén, estou seguro de que houbo non poucos casos. Como tamén desafiuzamentos: cando menos nun caso, no norte do concello, trascendeu publicamente que colaborou nel a Policía Local (sen que o Concello o desmentise). A min iso fíxome ferver de carraxe. Descoñezo a casuística concreta, mais se foi tal e como saíu nos medios non pode ser que a Policía Local teña como cometido botar xente fóra da súa vivenda habitual. Tamén botamos de menos unha política municipal ben planificada de intervención pública sobre a vivenda: por exemplo, fomentando os alugueiros ou a rehabilitación de vivenda abandonada.

10º Voltara a se afundir o peirao de Santa Cruz?

Mentres o seu abandono continúe e as diferentes administracións responsábeis miren para outro lado e simplemente se lles acorde Santa Bárbara cando trona (ou cando hai eleccións), pois é algo que pode volver acontecer. O que hai que facer é comezar a falar seriamente de proxectos a longo prazo: por exemplo, da súa titularidade. Ten sentido que iso siga a ser de Portos de Galiza?

EN ESTA LEGISLATURA PODREMOS..

– Facer máis de 8km en bus sen transbordo?

Ben, en realidade no Eliseo xa se pode 😉 Mais hai que ver en que horarios e con que frecuencias…! O que precisamos é un transporte público metropolitano de verdade todos os días da semana (tamén a partir das 10 da noite!), que nos interconecte de verdade cos concellos da contorna e que poida ser unha alternativa real ao uso do coche. Hoxe por hoxe, e dígoo como usuario diario do bus (eu non teño coche nin carné), iso segue sen existir. E en Oleiros (seino por experiencia) sobrevivir sen coche e sen carné é francamente difícil se, como é o meu caso, traballas a 85 km da túa casa. Outro día podería falar da miña peripecia particular para chegar ao meu posto de traballo…

– Ver plenamente urbanizada Naval?

Seguiremos loitando por iso, man a man coa veciñanza da zona. Non esquezo que foi o BNG o primeiro e, durante certo tempo, o único que ergueu a voz e denunciou como estaban os accesos. Sábeo moi ben a nosa ex concelleira e compañeira Fina Quintáns.

– Encher de autónomos o Polígono de Iñás? Cómo?

Máis que Iñás, a min gustaríame encher de proxectos económicos novos os núcleos de poboación de todo Oleiros, como unha forma de darlles vida, de atraer xente e de que a xente poida ter a opción de traballar onde vive.

– Ir en Bicicleta a Coruña?

Ten que ser unha opción tan posíbel, operativa e segura como ir en coche ou en bus. E ademais, máis limpa, máis saudábel e máis barata. Todo vantaxes 😉

Moitas grazas Fran Rei; e moita sorte os vindeiros catro anos…

Deja un comentario