OleirosTV...

A veces, tener el gobierno total (Comunidad Autónoma + Gobierno de España) no trae tanto de bueno como muchos pueden creer:
Os ataques contra o ensino público desde a chegada ao Goberno do Partido Popular non paran de sucederse e profundarse. A política de recortes nos servizos públicos, e en concreto no ensino, está adquirindo unha cronicidade alarmante, levando consigo a diminución do profesorado, o incremento das taxas, a redución das bolsas, tanto de comedor como de libros, o aumento do alumnado por aula, a eliminación de servizos socioeducativos… Ademais, quérese impor un anteproxecto de Lei orgánica de mellora da calidade da educación (LOMCE) que é unha contrarreforma en toda regra: deseña un sistema educativo de elite e clasista, baixo o pretexto de mellorar a calidade educativa e reducir as altas taxas de fracaso e abandono escolar temperán, e que supón unha estafa para o alumnado, para familias e para o profesorado, pois marca o retroceso a un modelo escolar trasnoitado e segregacionista. Esta lei só pode cualificarse como sexista, ao permitir os concertos con centros que segregan por sexo; clasista, por aludir a un concepto perigoso como o de talento para diferenciar o alumnado; segregadora por que fomenta a separación temperá do alumnado en compartimentos estancos de difícil retorno ao sistema; centralizadora, xa que recorta as competencias das comunidades autónomas e relega a un plano secundario dentro do sistema educativo á lingua galega; privatizadora, pois baixo a máscara do dereito de elección abre as portas á privatización do ensino público en todas as etapas; mercantilista, porque se pon ao servizo da empresa buscando a creación de man de obra barata, e autoritaria, pois preténdese impor a toda custa sen buscar o consenso que debe acadar unha lei deste calado. Pola contra, omítense aspectos como a equidade, a igualdade de oportunidades, a atención á diversidade, a atención individualizada do alumnado, a baixada de ratios ou de horas lectivas do profesorado, que influirían realmente nas taxas de abandono e fracaso escolar. Ademais, estamos diante dunha lei que consolidará e dará carta de legalidade a todos os recortes que se viñeron facendo durante os últimos anos. Este anteproxecto conta co rexeitamento de todas as organizacións sindicais, confederacións de pais e nais da escola pública e de todas as forzas políticas, agás o PP. As organizacións que formamos esta Plataforma esiximos a retirada deste anteproxecto de lei. Non debemos esquecer que as políticas de recortes van máis aló, e que nestes momentos estase a tramitar un novo decreto de comedores escolares que avanza un paso máis no desmantelamento dos servizos públicos na nosa comunidade autónoma, sobre todo nestes tempos de crise económica, en que o comedor escolar é un recurso educativo de compensación das desigualdades sociais así como un medio para a conciliación familiar e laboral. Desde a Plataforma en Defensa do Ensino Público consideramos que no actual contexto socioeconómico a prestación do servizo de comedor debe continuar vinculado ao transporte escolar; ademais, debe permitir a conciliación da vida familiar e laboral, polo que a ampliación da rede de comedores escolares públicos é un elemento fundamental. Ante esta agresión sen precedentes, a comunidade educativa non pode permanecer impasible, e por iso a Plataforma en Defensa do Ensino Público convoca unha xornada de folga en todo o ensino, o vindeiro 9 de maio, xa que entendemos que se trata dunha resposta absolutamente necesaria e xustificada ante a gravidade de todos os ataques inflixidos tanto no ámbito estatal como autonómico. Por todo isto, desde a Plataforma en Defensa do Ensino Público de Galicia facemos un chamamento aos traballadores do ensino, ao estudantado e ás familias para que nos secunden e participen en todas as accións en defensa do ensino público que terán lugar durante os vindeiros días, e que culminarán coa xornada de folga do 9 de maio, actos cos que estaremos máis preto de frear esta cadea de recortes e agresións, que teñen como único obxectivo o desmantelamento do ensino público.

Participa en la conversación