Este é o cuminicado do BNG de Oleiros ós medios:
Oleiros, 13 de novembro de 2014.- A Asemblea Local do BNG de Oleiros celebrará coa veciñanza, colectivos sociais e persoas interesadas unha asemblea informativa aberta para falar do futuro da parcela onde estivo ubicado o antigo Hotel Maxi, no mesmo centro da vila de Santa Cruz. Será o vindeiro domingo 16 de novembro ás 13 horas.
O Pleno Municipal do pasado mes de setembro aprobou, co voto favorábel da Alternativa dos Veciños, as abstencións do PP e do PSOE e o único voto en contra do BNG, o estudo de detalle da parcela, que significa seguir adiante co proxecto de edificar alí un estabelecemento hoteleiro de luxo de até 18.5 metros (o equivalente a 6 alturas), co considerábel impacto social e visual que iso pode supoñer para a frente marítima da badía de Santa Cruz, de singular beleza paisaxística e medioambiental.
Malia que o proxecto segue a súa tramitación, o goberno municipal de Oleiros segue sen dar ningún tipo de información sobre o mesmo á veciñanza máis directamente afectada polo mesmo. E, o que é peor, sen recabar a súa opinión. O BNG convoca a asemblea aberta do domingo precisamente con esa finalidade: informar das características do proxecto e das alternativas que defende, así como recoller as opinións da veciñanza e de todas as persoas interesadas.
Desde que se aprobou a modificación do PXOM para adaptalo ao proxecto e intereses dos actuais promotores do novo hotel, o BNG veu defendendo como alternativa á «Maxirreforma» a opción de que o terreo quede libre, sendo adquirido polo Concello, como ten feito ao longo dos anos con outros espazos, inicialmente privados e agora recuperados para o pobo. Iso evitaría un impacto urbanístico e social, ao noso ver, indesexábel nun dos lugares máis fermosos de Oleiros e que, como en épocas pasadas, os lugares máis privilexiados do municipio sigan a quedar en mans privadas.