OleirosTV...

O BNG de Oleiros propón emendas aos Orzamentos da Xunta de Galiza para 2015 por valor de máis de 6 millóns de euros Infraestruturas para mellorar a mobilidade e a seguridade viaria, melloras en instalacións educativas, vivendas autonómicas e instalacións portuarias e un compromiso orzamentario real co CEIDA ou coas persoas expropiadas pola Vía Ártabra centran as propostas nacionalistas As emendas aos Orzamentos do goberno galego son froito dun proceso aberto á veciñanza que durou varias semanas. Comunicado de imprensa do BNG Oleiros:
Oleiros, 21/11/2014.- O proceso participativo que o BNG puxo en marcha hai varias semanas coa veciñanza oleirense coa finalidade de elaborar emendas aos Orzamentos da Xunta de Galiza para 2015 deu como resultado un total de 13 propostas de investimento concreto por valor de 6.420.000 €, o que tendo en conta o peso poboacional do municipio “significaría investir algo máis de 186 € por habitante”, concreta o Bloque oleirense. As propostas, nacidas todas elas das achegas elaboradas por veciñanza e distintos colectivos sociais do municipio, foron agora trasladadas ao Grupo do BNG no Parlamento de Galiza, onde as deputadas e deputados nacionalistas asumirán a súa defensa no debate de tramitación dos Orzamentos que estes días se inicia na Cámara galega. As propostas no ámbito educativo suman por si soas un investimento de un millón e medio de euros, concretadas na tantas veces demandada ampliación das instalacións do CEIP Valle Inclán de Perillo (sinaladamente a construción dun novo comedor) ou na construción dunha escola infantil na parroquia de Nós, que ten desde hai anos terreos cedidos polo Concello no Seixal para tal fin e porén nunca se chegou a executar. Varias son as emendas referidas á mellora da mobilidade e da seguridade viaria na rede de estradas autonómicas do Concello. O BNG reitera a xa histórica demanda dunha rotonda no cruce da Chasqueira (Nós), entre a AC 221 e a EP 1707, imprescindíbel para mellorar a seguridade nun punto especialmente conflitivo e de pouca visibilidade. Tamén se propón un forte investimento (600.000 €) na mellora integral da seguridade viaria na AC 173, atendendo a cuestións como o asfaltado, a execución das demandadas beirarrúas en Breixo (Dorneda), a renovación das marquesiñas do transporte ou a situación de total abandono do paso peonil metálico á altura da Facultade de Ciencias da Actividade Física e do Deporte. Completan as propostas de investimento na rede viaria as xa históricas demandas do BNG da execución do vial de acceso ao Porto de Lorbé desde a Vía Ártabra e a conexión desta coas A-6 e AP-9, sen as cales carece de sentido unha infraestrutura que tivo un investimento millonario e hoxe se encontra infrautilizada. Outra das emendas que o BNG de Oleiros eleva ao Parlamento de Galiza é no apartado de vivenda, exixindo a execución dun plan de rehabilitación integral das vivendas de promoción autonómica do Mesón da Auga, en Nós, por valor inicial de 700.000€. A mellora de instalacións portuarias en Mera e Lorbé ten tamén o seu lugar entre as propostas nacionalistas: dunha parte, proponse un investimento de 60.000 € para desenvolver o proxecto de crear un fondeadoiro natural na zona do Xunqueiro, unha rampa de varada e un espazo para almacenaxe; doutra parte, un investimento de conservación, mellora e actualización das instalacións portuarias de Lorbé por valor de 500.000 €. Tamén en relación co mar, o BNG propón un investimento que garanta a apertura da Casa do Fareiro de Mera, centro de interpretación do Monumento Natural da Costa de Dexo-Serantes, hoxe infrautilizada a pesar das custosas obras de remodelación acometidas recentemente. O BNG tamén exixirá no Parlamento de Galiza por medio dunha emenda un compromiso “críbel e claro” de estabilidade orzamentaria para o Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galiza (CEIDA), de cuxa xestión tripartita é tamén responsábel a Xunta de Galiza, aqueixado nos últimos anos por duros recortes que hipotecan gravemente o dinamismo deste centro científico e divulgativo de referencia internacional, único en Galiza. O mesmo compromiso orzamentario defenderán tamén as parlamentarias e parlamentarios nacionalistas coas persoas afectadas polas expropiacións da Vía Ártabra nas parroquias oleirenses de Maianca e Dorneda, moitas das cales aínda non viron satisfeitas as indemnizacións comprometidas na súa totalidade. O BNG propón a través dunha emenda dedicar a cantidade de 1 millón de euros para garantir continuar co pagamento das expropiacións.

Participa en la conversación