OleirosTV...

Recibimos esta mesaxe do BNG Oleiros; que reproducimos a continuación. É unha maneira de velo porque supoñemos que hai outras moitas máis… mais é unha denuncia baseada en feitos que compre ter en conta. Moitas grazas pola colaboración e quedan abertos os comentarios:
BNG Oleiros | Hoxe é último xoves de mes. Por esta razón, sería o día para que houbese sesión ordinaria do pleno do Concello de Oleiros. Dicimos sería porque non vai ser…A pesar de que a lei obriga a que concellos iguais que Oleiros ou maiores en poboación celebren pleno ordinario unha vez ao mes, unha vez máis (e non é a primeira) o noso alcalde e o seu equipo decidiron de xeito unilateral que este mes non hai asuntos o suficientemente relevantes como para convocarse un pleno. Por iso, non o haberá. A maioría absoluta da que gozan permitiulles modificar á vontade no inicio da lexislatura o regulamento do Pleno, de maneira que competencias que antes eran da Corporación agora recaen directamente na Xunta de Goberno, cando non directamente no propio Alcalde. A non convocatoria dos plenos ordinarios a que obriga a lei indica varias cousas: por unha parte, escasa vontade democrática do equipo de goberno (o alcalde de Oleiros prefire o insulto sen posibilidade de réplica que o debate de ideas); mais tamén algo que leva tempo véndose: a absoluta parálise do goberno municipal e a incapacidade para xerar novos proxectos, que se traducen (e iso é o peor) en parálise do Concello, en xestión rotineira do existente, en nula capacidade de innovación e transformación e nun serio problema de falta de dinamización da actividade económica e produtiva. E iso notámolo no peto @s veciñ@s: aumentan mes a mes as taxas de desemprego, non se xera riqueza nin novos postos de traballo, a xente non pode quedar a vivir do seu traballo no seu concello, a crise do modelo urbanístico supuxo unha diminución radical dos ingresos que causa un problema de liquidez para afrontar o gasto corrente…que temos que compensar @s veciñ@s con aumentos constantes de taxas e impostos: a implantación da ORA en Santa Cristina, Santa Cruz e Mera só é un exemplo gráfico do que está a acontecer. Oleiros precisa repensarse para enfrontar e seguir a medrar nun tempo distinto, no que hai moitos desafíos pero tamén poden surxir novas e interesantes oportunidades. O que debe facer o goberno municipal é enfrontarse á realidade e non tratar de fuxir dela.

1 Comentario

  1. Bng Oleiros

    Moitísimas grazas pola difusión da nota. Evidentemente, haberá diferentes maneiras de ver e de enfocar o feito que comentamos: o que para nós é un problema para outr@s non o será, ou será irrelevante. En todo caso, ao que aspiramos é precisamente a algo tan básico como iso: termos a oportunidade de dar debates, contrapoñer ideas e, sempre que sexa posíbel, chegar a acordos sobre cousas que sexan boas para a maioría social. Se o goberno municipal de Oleiros decide que hai meses que non hai «nada do que falar», por desgraza, as forzas que non somos goberno non temos a posibilidade de achegar as nosas ideas ou as nosas propostas. E polo menos o BNG, a través do noso concelleiro Manuel Sarmiento, non hai mes que non leve ao pleno varias mocións, preguntas e rogos de todo tipo. Porque sendo verdade que o pobo de Oleiros decidiu (moi lexitimamente) que non gobernásemos, tamén non é menos verdade que unha parte d@s veciñ@s si que confiaron en nós e noutros grupos. En fin, que grazas (como sempre) a Oleiros TVi por serdes a plataforma que nos permite expresarnos, comunicarnos coa xente, facer chegar as nosas ideas e, en definitiva, garantir que non queden voces sen escoitar. Non cambiedes nunca! 😉

Participa en la conversación