Para saber lo que pasa por aquí...

A importancia da Ría do Burgo como refuxio de aves acuáticas (I)

A Sociedade Galega de Ornitoloxía demanda ás Autoridades e axentes sociais que promoven a recuperación da Ría, a través dunha nota de prensa, que o valor ornitolóxico da Ría como humidal sexa equiparado ás demandas marisqueira e de lecer.

As diferentes demandas e proxectos que estanse a plantexar na actualidade, esquecen o valor natural deste humidal.

O conxunto formado polo estuario do río Mero e o entorno da barra areosa de Santa Cristina, a pesar das fortes alteracións sufridas por diferentes factores ao longo da segunda metade do século XX, acada na actualidade importancia rexional polas súas poboacións de aves.

Os principias factores que contribúen a conferir esta importancia á ría do Burgo son:

É utilizada cada ano por milleiros de aves acuáticas de 74 especies diferentes

Nos censos de aves acuáticas invernantes que desenvolve a Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia cada mes de xaneiro cóntanse na ría do Burgo unha media de 3.150 aves de 34 especies diferentes. A esta cifra súmanse varios milleiros máis (dependendo do ano) que o resto dos meses utilizan este espazo
para deterse e alimentarse durante as súas migracións e desplazamentos.

Así, esta ría é fogar regular nun momento ou outro do ciclo anual de 45 especies diferentes de aves acuáticas. A elas súmanse outras 29 especies menos comúns, que contribúen á diversidade do espazo.

É un dos sete principais refuxios para as aves acuáticas da costa de A Coruña e ocupa unha posición prominente por este concepto a nivel autonómico e estatal

Segundo o recente informe realizado pola Sociedad Española de Ornitología (SEO/BirdLife) para o Ministerio de medio Ambiente1, a ría do Burgo constitúe a cuarta localidade entre as 23 máis importantes de Galicia polo seu número de aves acuáticas invernantes, ocupando por outra banda o decimoquinto lugar na
lista de humidais máis importantes de España por este concepto, composto por un total evaluado de 2.658 humidais.

Algunas das especies presentes sufren un alto grado de ameaza

Entre as especies que se presentan regularmente na ría do Burgo cóntanse varias cun grado de ameaza elevado a nivel estatal, segundo o Libro Vermello das Aves de España (Ministerio de Medio Ambiente, 2002).

Na propia ría existen diversos factores que alteran a calidade do hábitat para as aves

Entre eles o principal, que xa se cita no Manifesto da “Plataforma pola Defensa da ría do Burgo”, son os vertidos de augas residuais non depuradas. Pero tamén hai outras dúas, que afectan tanto ás aves como á natureza da ría en xeral:

Acumulación nas súas beiras de residuos sólidos urbanos chegados con cada preamar, entre eles algúns de grande volume. Estos residuos retíranse cada moito tempo, e súa retirada non ten en conta o coidado para
evitar danar os hábitats das aves, como a xunqueira na beira de Culleredo, co cal o dano é dobre.

Molestias causadas por actividades de lecer. As aves da ría ven con frecuencia alterados o seu descanso e alimentación a causa da excesiva proximidade, dentro do estuario, de embarcacións de lecer (motoras,
piraguas, ski náutico…), e de pescadores de cana que penetran na ciotada xunqueira, a única que queda no tramo central da ría, e que é precisamente a principal área de descanso. Unha zonificación da ría para estes fins, e unhas normas mínimas de uso do espazo (establecer unhas distancias e velocidades máximas de navegación) farían fácilmente posible a convivencia das aves e estas actividades.

As aves son un dos máis importantes valores da ría como espazo de lecer

A pesar do expresado no apartado anterior, e dos moitos factores que alteraron no pasado a súa fisonomía, é á vez grazas a súa abundancia e diversidade de aves, e á presenza no seu contorno dunha poboación de centos de milleiros de persoas, esta ría é un espazo que presenta un enorme potencial para a observación das
aves por parte da cidadanía de todas as idades, incluidas as persoas de mobilidade reducida. As aves, afeitas á presenza humana no paseo marítimo, permiten aquí unha aproximación case única en Galicia. A observación de fauna salvaxe é un tipo de lecer á vez sostible, san e educativo. Este potencial da ría do Burgo, incluso dende un punto de vista económico, non só non se debe desaproveitar, senón que sería de grande interese fomentar.