Para saber lo que pasa por aquí...

Ferralla abandonada no Porto de Santa Cruz

O BNG de Oleiros difundiu esta nota de prensa esta mesma mañana:

Oleiros, 18 de outubro de 2013.- O porto de Santa Cruz segue a agardar por unha atención do ente autonómico Portos de Galiza que non dá chegado. Se o incidente do afundimento do camión de hai uns anos ou os cavorcos aparecidos ao longo da estrutura do peirao evidenciaron publicamente un problema de deterioro e desatención por parte da administración responsábel, o actual estado de abandono das instalacións amosa que a actitude do ente autonómico pouco mudou.

Desde hai anos a actividade económica do porto de Santa Cruz está reducida á mínima expresión, sendo poucas as embarcacións que o empregan acotío. Porén, e tamén desde hai anos, o uso social foino convertendo nunha zona de lecer moi concorrida no verán e mesmo nunha zona habitual de paseo o resto do ano para moitas e moitos veciños e visitantes. Isto a pesar do perigo do talude da Atalaia, emprazada sobre o mesmo porto, que tamén agarda desde hai anos por unha solución urbanística que non dá chegado.

Os frecuentes corrementos de terra e cascallos sobre o cantil e a caída dun eucalipto de grandes proporcións o pasado inverno a causa dun temporal deberon aconsellar a Portos de Galiza valar o acceso ás furnas este verán, de uso habitual por persoas bañistas no verán e por xente nova, colocando uns enreixados metálicos coa indicación expresa de prohibición de paso. Ditos valados metálicos non tardaron moito en seren forzados, de xeito propositado, para seguir accedendo ao rochedo.

Coa temporada de verán xa rematada, o BNG de Oleiros vén de comprobar con preocupación como Portos de Galiza non procedeu aínda nin a amañar os valados estragados nin a substituílos ou retiralos. O organismo autonómico responsábel do espazo tampouco retirou a ferralla caída ao mar ou ás rochas (xúntanse fotografías). Cun mínimo empeoramento do tempo a preamar poderíaa levar en calquera momento ou arrastrala aínda máis cara ao interior do rochedo, dificultado máis unha retirada posterior.

A pesar das advertencias e de se ter feito público, Portos tampouco chegou a retirar en todo o verán o eucalipto caído o pasado inverno sobre o cantil da Atalaia. O BNG de Oleiros urxe o organismo público dependente da Xunta de Galiza a “asumir de vez a súa responsabilidade” sobre o mantemento das infraestruturas que son da súa competencia, unha das cales é o porto de Santa Cruz. “E se non é quen de o facer ou non lle interesa teno ben fácil: negocien co Concello de Oleiros o seu traspaso e a súa conversión formal nun espazo peonil e de lecer, como de feito xa é”.

Deja un comentario