OleirosTV...

O BNG de Oleiros ven de distribuir unha nota de prensa na que afirma que proporá ó Pleno de Oleiros unha moción que demandará do Estado Español a retirada da suba das cotizacións de autónomos societarios por considerala inútil e contraria ós requerimentos da profunda reforma fiscal que todos entendemos como necesaria no Estado Español.
O BNG considera que non ten sentido que se incrementen as cargas sobre estas unidades económicas mentres se aumentan as axudas a grandes empresas e se lles manteñen enormes vantaxes fiscais que impiden ao Estado manter políticas económicas anticíclicas e as prestacións e servizos sociais.
Esta medida, a xuizo don BNG, vai supor un «atranco máis para o que o comercio e a pequena empresa en Oleiros poidan consolidarse como un piar fundamental da nosa economía». Por iso proporá ó Pleno do Concello de Oleiros a adopción dun acordo que inste á Xunta de Galicia a demandar do Estado Español a retirada da medida, as reformas lexislativas necesarias de cara a promover unha reforma fiscal verdadeiramente progresiva, que grave ás grandes fortunas e grandes empresas, persiga a fraude fiscal e non incremente as cargas sobre os autónomos e pequenas empresas; e a pór en práctica políticas activas de emprego en Galiza, como mellor mecanismo para garantir a sustentabilidade da Seguridade Social, con especial incidencia nas políticas sobre a mocidade e as mulleres, os segmentos máis vulnerábeis para a obtención de emprego.

Participa en la conversación