OleirosTV...

Recibimos esta invitación do BNG Oleiros aberta a todos e todas os que queiran participar:
Oleiros súmase á xa longa relación de localidades galegas que nas últimas semanas están a acoller asembleas abertas impulsadas polo BNG coa convocatoria dun encontro veciñal para mañá xoves ás 20 horas na Casa da Cultura de Perillo. A iniciativa política “Construindo Futuro”, que se concreta a través da convocatoria de asembleas abertas como a que se celebrará mañá en Oleiros, ten como obxectivo abrir espazos de diálogo e de intercambio de opinións entre o BNG de cada localidade e un amplo espazo de persoas e colectivos sociais que permitan articular non só un debate en pé de igualidade no que se poidan escoitar novas voces, senón do que tamén poidan saír propostas concretas. As asembleas abertas buscan estimular a implicación e participación do máis amplo número posíbel de persoas nun momento histórico de cambios en moitos ámbitos da sociedade, a economía ou a política. No BNG pensamos que é o momento de a indignación se transformar en organización: “organizar” a rebeldía ante o actual estado de cousas. E facelo desde a nosa propia realidade: Galiza, coas súas problemáticas concretas, e cada concello, onde tamén hai que tratar de construír alternativas no ámbito máis inmediato. Á asemblea que celebraremos mañá na Casa da Cultura de Perillo (Praza da Cultura, nº 1, no núcleo histórico de Perillo, por tras da Pista Polideportiva) pode acudir calquera veciña ou veciño que o desexe. Será, con seguridade, o primeiro de moitos encontros que faremos no futuro inmediato.

1 Comentario

Participa en la conversación