Para saber lo que pasa por aquí...

Resposta de Sarmiento ao Alcalde polos seus comentarios en Radio Oleiros sobre o Maxi

JSQ | Ás declaracións vertidas polo alcalde de Oleiros onte que se recollen no diario La Opinión de A Coruña, o voceiro do BNG de Oleiros fai pública unha carta dirixida ó primeiro edil para compartir con el o que opina sobre o tema.

Estimado Alcalde:

En relación co teu escrito do pasado 29 de decembro no que, de forma surpresiva, pareces reinterpretar o Decreto de delegación de competencias que por iniciativa propia e exclusiva ditaches con data 16 de decembro, quero indicarche varias cousas:

No referido Decreto delegas en min competencias propias da Alcaldía para a adquisición do soar do antigo Maxi reservándote a decisión final sobre o asunto. Está ben. Mais, loxicamente, a decisión final é a que pon fin a un procedemento que debe ser tramitado legalmente, é dicer, de acordo coa que a normativa vixente exixe para a adquisición de bens inmóbeis polas Administracións Públicas.

Os informes e documentos que eu solicitei a diversos servizos municipais non pretendían nin máis nin menos ca iso: dar cumprimento ao que a Lei exixe. Xustificar a necesidade de adquisición, realizar unha taxación oficial do terreno e acreditar a existencia de crédito orzamental; son, polo demais, exixencias básicas dunha boa administración, dirixidas a asegurar a racionalidade da actuación administrativa e o uso eficiente dos recursos públicos.

De non ser así, o meu cometido limitaríase a manter unha conversa co propietario do soar, un contacto sen maior trascendencia. E para iso, ben se entende, non é precisa delegación ningunha. En efeito, semella que reunirse cos propietarios de terrenos situados no termo municipal non é, contra o que puidese parecer, competencia exclusiva do Alcalde que poda ser delegada a outros concelleiros. Si o é, sen dúbida, manter ese contacto no marco dun expediente xa iniciado e tramitado, con independencia de cal sexa o seu desenlace, de conformidade co que a Lei exixe.

Para que me entendas, é coma se despois de teres delegado nun concelleiro a competencia para oficiar unha voda recuases dicindo que non, que o único que delegaras fora contactar coa parella para ver se é que tiñan vontade de casar.

Así pois, a fin de poder contactar canto antes cos propietarios do soar do antigo Maxi, reitero a solicitude xa dirixida aos servizos municipais o pasado 16 de decembro e encarézoche que, na túa condición de Alcalde, adoptes as disposicións precisas para que os informes e actuacións interesados sexan elaborados á maior brevidade.

Recebe un cordial saúdo.

Oleiros, 8 de xaneiro de 2015

Asdo.: Manuel Sarmiento González
Concelleiro e Portavoz Municipal do BNG

Deja un comentario