OleirosTV...

Comunicado recibido hoxe convocando a un acto de lembranza en San Pedro de Nós por estes veciños de Coruxo represaliados na posguerra civil:
Oleiros, 15 de agosto de 2015.- A asemblea local do BNG de Oleiros organiza mañá domingo ás 20 horas na Praza da Liberdade da parroquia de Nós un acto cívico de homenaxe ás persoas que en Oleiros e en Galiza foron vítimas da persecución e o odio desatados co golpe de estado de xullo de 1936. A iniciativa enmárcase na conmemoración do chamado Día da Galiza Mártir cada 17 de agosto para lembrar a data do fusilamento de Alexandre Bóveda. O acto, que será presentado pola actriz Isabel Risco, contará coas actuacións musicais de Moncho do Orzán e Miro Casabella, unha intervención poética a cargo do escritor Cesáreo Sánchez Iglesias e unha intervención política a cargo de Goretti Sanmartín, membro da Executiva Nacional do BNG e vicepresidenta da Deputación. O BNG de Oleiros vén organizando ininterrompidamente desde hai 19 anos este acto. Trátase neste momento da única iniciativa relacionada coa recuperación da memoria histórica e o recordo das vítimas da represión que se celebra anualmente no municipio. Como vén sendo habitual, a este acto súmanse diferentes entidades culturais e de recuperación da memoria de toda a comarca: a Agrupación Cultural Alexandre Bóveda da Coruña, a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica, a Asociación Cultural Irmáns Suárez Picallo de Sada ou a Asociación veciñal Os Rueiros de Nós, entroutras. O acto anual de Nós vén servindo para recuperar a memoria da terríbel represión vivida pola parroquia a partir do triunfo da sublevación militar golpista en 1936, personalizada especialmente no nome de Xaquín Taboada, derradeiro presidente da chamada Comarcal de Sindicatos de Nós, fusilado en abril de 1937 xunto a outros compañeiros. O acto deste ano busca recuperar a memoria doutras dúas personalidades practicamente esquecidas, veciñas de Oleiros no fatídico verán de 1936: a do pintor Francisco Miguel e a da súa compañeira, a escritora Syra Alonso. Francisco Miguel foi prendido por dúas veces na súa casa de Coruxo de Abaixo, en Liáns: a primeira, a madrugada do 2 de agosto de 1936; a súa muller conségueo liberar nun primeiro momento, mais de novo foi prendido e “paseado”. O seu corpo, sen vida, apareceu salvaxemente torturado e mutilado na parroquia carballesa de Bértoa o día 29 de setembro: tiña desfeita a cabeza, as mans cortadas e presentaba distintos impactos de bala, un deles no estómago. O fascismo puxo fin tan violento á vida dun home que tivo ao seu cargo a Libraría da Arte da coruñesa Rúa Real; colaborador das revistas Alfar e Casa de América; amigo de Picasso, Carpentier, Seoane, León Felipe, Siqueiros ou mesmo o mexicano Diego Rivera; ilustrador dos poemas de Jorge Luis Borges ou de Gabriela Mistral. Syra Alonso, soa e con 3 fillos pequenos, viviu unha infernal persecución até que finalmente puido fuxir camiño dun exilio mexicano do que nunca voltaría. A súa dramática historia quedou narrada nos Diarios que publicou en 2000 A Nosa Terra na súa colección Mulleres. En xuño de 2013, con motivo das inauguracións dos parques José Luis Sampedro e Santiago Carrillo na parroquia de Oleiros, o BNG recordou publicamente que, sorprendemente, nin Francisco Miguel nin Syra Alonso contan aínda con ningún recoñecemento público ou pegada visual que recupere a súa memoria, para alén dunha meritoria iniciativa desenvolvida polas bibliotecas municipais do Concello hai algúns anos. A casa na que habitaron, á que antes dos sucesos terríbeis de agosto de 1936 chamaron “A Casa da Felicidade”, continúa en pé e nun bo estado de conservación.

1 Comentario

Participa en la conversación