OleirosTV...

BNG Oleiros|COLABORACION Onte tivo lugar en Santa Cruz o primeiro dos encontros informativos abertos que o BNG de Oleiros celebrou para dar a coñecer o seu proxecto de creación de hortas urbanas comunitarias no noso concello, iniciativa xa recollida no programa electoral co que o nacionalismo se presentou ás últimas eleccións municipais, en 2011. Neste primeiro encontro, ao que con toda probabilidade seguirán máis noutras parroquias en próximas datas, máis dunha trintena de persoas puideron coñecer de primeira man cal é a filosofía das hortas urbanas comunitarias alí onde se implementa este modelo e tiveron a oportunidade de dialogar sobre como se debe adaptar a un concello como o de Oleiros. O encontro informativo, que foi introducido polo portavoz municipal do BNG oleirense Manuel Sarmiento para explicar por que naceu a idea de crear hortas urbanas comunitarias no noso concello e por que o nacionalismo fixo diso unha das súas propostas electorais, completouse coas explicacións de Federico García e David Pérez, arquitectos recén titulados vinculados ao Colectivo 1aUn, para a investigación do territorio e a súa divulgación, sobre os distintos modelos e filosofías de hortas urbanas existentes e as posíbeis alternativas canto aos seus modelos de organización e xestión: graos de implicación da Administración segundo os casos, nivel de implicación nos modelos de xestión e graos de decisión das persoas usuarias, etc. Concluíu este primeiro encontro coa intervención de Loly Castelo, veciña de Culleredo e usuaria das hortas urbanas comunitarias que funcionan desde hai xa tempo, impulsadas polo Concello veciño, no recinto público de Vila Melania, en Vilaboa. Esta usuaria achegounos a un modelo concreto de organización e xestión moi próximo a Oleiros que está a funcionar cun notábel éxito de participación e deunos a oportunidade de saber como se traballa unha horta deste tipo no día a día, cales son os inconvenientes iniciais e tamén as vantaxes, familiares e mesmo sociais. Un balance, segundo nos explicou, a todas luces positivo. Constatado o interese e a boa acollida que está a xerar esta iniciativa, o BNG de Oleiros considera que a implicación do Concello sería fundamental, cando menos nunha fase inicial que logo, co tempo, podería tornar en apoio e asesoramento para cuestións puntuais. Por iso, anunciouse no acto que esta proposta será levada en forma de moción ao pleno municipal deste mes. En paralelo, o BNG xa iniciou unha campaña de recollida de sinaturas, á que convida a toda a sociedade, para axudar a visualizar o interese e a demanda social que en Oleiros ten un proxecto como este. Non só pode asinar calquera veciña ou veciño que o desexar, senón tamén colaborar activamente na recollida de apoios. As persoas e colectivos interesados poden contactar connosco a través do noso facebook, do correo-e bng.oleiros@gmail.com ou presencialmente cada martes desde as 19.30 no noso local en Santa Cruz (R/ Dolores Ibárruri – 6, baixo). O BNG de Oleiros mantemos tamén na rede o caderno dixital En Movemento: blogoteca.com/bngoleiros.

Participa en la conversación