A empresa concesionaria do servicio da ORA asinou o un de xuño pasado un contrato de arrendamento cos propietarios da parcela do Maxi condicionado á súa utilización exclusiva como aparcadoiro regulado pola ORA. Posteriormente solicitou do Concello a súa incoporporación a este servizo, que foi aprobado por resolución da Alcaldía con data de 12 de xuño. Deste xeito, a parcela do Maxi, de titularidade privada, na que inicialmente se ía construir un hotel de cinco estrellas, acaba sendo incorporada, a través dunha resolución da alcaldía que non respecta a legalidade, nunha zona de aparcamento da ORA. Trátase dunha decisión ilegal adoptada en beneficio da empresa concesionaria e que ven poñer de manifesto o interese recadatorio da implantación da ORA en Oleiros, xa denunciado no seu momento polo BNG e tantas veces negado pola Alcaldía empeñada en disfrazala de medida encamiñada a favorecer á hostelería e o comercio local, pese ao explicíto rexeitamento do sector. As ordenanzas municipais como a ORA do Concello de Oleiros, que fixan un prezo público como contraprestación polo estacionamento de vehículos en zonas delimitadas do viario municipal, dítanse en desenvolvemento da lei estatal de tráfico e seguranza viaria (Texto Articulado aprobado por Real Decreto-Lexislativo 339/1990) e do seu Regulamento (aprobado por Real Decreto 1428/2003). En concreto, o art. 93.1 deste último dispón que “o réxime de parada e estacionamento en vías urbanas regularase por ordenanza municipal, e poderán adoptarse as medidas necesarias para evitar o entorpecemento do tráfico, entre elas limitacións horarias de duración do estacionamento, así como as medidas correctoras precisas, incluída a retirada do vehículo ou a súa inmovilización cando non se achar provisto de título que habilite o estacionamento en zonas limitadas en tempo ou excedan da autorización concedida entanto se logre a identificación del conductor (art. 38.4 do Texto Articulado)”. Ou sexa, que a ORA (e a correspondente exixencia dunha taxa) só pode afectar a vías urbanas, é dicir, ao dominio público municipal, e nunca a solares de titularidade privada. A Ordenanza nº 31 do Concello de Oleiros é explícita cando (art. 2) estabelece o feito imponíbel da taxa por estacionamento de vehículos de tracción mecánica nas vías públicas municipais: “utilización privativa ou o aproveitamento especial do dominio público local …”. É evidente que o soar do antigo Maxi non está integrado no dominio público local, polo que non é esixíbel taxa ningunha por estacionar nel, non sendo tampouco aplicábeis nese espazo as potestades públicas (de identificación e de sanción) previstas na ordenanza reguladora do estacionamento en vías públicas. A esixencia de prezo ou contraprestación por estacionar no soar do Maxi require, como actividade económica, das autorizacións correspondentes para ser destinado a aparcadorio, pero nunca dentro da ORA. O BNG considera que se o propietario e o arrendatario da parcela desexan incorporala á ORA teñen a posibilidade de lla doar ao Concello para facer parte, dese modo, do dominio público municipal. Por outro lado é lamentable que o Concello permita o estado actual da parcela, con entullo mal apisonado e obxectos metálicos restos da ferralla do edificio, un auténtico “leira-parquing” impropio dun lugar emblemático como é o centro de Santa Cruz.
1 Comentario
Participa en la conversación
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.
Jose Alberto Nolodigo Villarón
quitarán la ORA de la «leira parking de Bastiagueiro? (la que ésta a pie de playa)