A Xunta de Goberno Municipal debateu onte [22/03] a prórroga por un ano do contrato de explotación das piscinas coa empresa Aqualia, o cal expiraría neste 2016 Fran Rei propuxo na comisión informativa previa á Xunta encargar aos servizos xurídicos do Concello un informe sobre as posibilidades legais e implicacións Oleiros, 23 de marzo de 2016.- A Xunta de Goberno do Concello de Oleiros celebrada onte tratou como un dos puntos da súa orde do día a proposta de prorrogar durante, ao menos, un ano o contrato de explotación das catro piscinas municipais con que conta o municipio á empresa Aqualia. A adxudicación do contrato celebrada no seu día foi por seis anos e caducaría no presente ano, mais tal e como explicou a primeira Tenente de Alcalde, María José Varela, na comisión informativa previa á Xunta de Goberno, o propio contrato posibilita unha prórroga de até catro anos. O BNG, a través do seu portavoz municipal, Fran Rei, expuxo na comisión a proposta de aproveitar que caduca a concesión deste servizo municipal para, cando menos, estudar a posibilidade de comezar a traballar nunha dirección diferente no relativo á xestión dos servizos municipais: así, o portavoz nacionalista propuxo encargarlle aos servizos xurídicos municipais a elaboración dun estudo, “con todo o tempo necesario”, para explorar a posibilidade de municipalizar a xestión das piscinas municipais no futuro. Este informe, segundo argumentou Rei, debería ter por finalidade “estudar todas as vantaxes e inconvenientes dunha hipotética xestión pública do servizo para poder tomar a mellor decisión, mesmo incluindo as implicacións económicas que a decisión suporía”. O BNG lembrou que o debate político sobre a municipalización ou mesmo o “rescate” de servizos públicos externalizados (privatizados) dos concellos está desde hai meses na sociedade e está a chegar nos últimos tempos a moitas institucións, a comezar polos chamados concellos con “gobernos do cambio”, non só a nivel galego, senón tamén nalgunhas das grandes cidades do Estado. O BNG de Oleiros anima as forzas políticas de Oleiros a abrir este debate, como outros, “con naturalidade, sen medos e sen tabús”, ao igual que se está a facer noutros municipios. “Que un servizo municipal leve anos privatizado non implica que a privatización sexa a única opción posíbel ou que a xestión pública directa teña que resultar necesariamente peor”, sostén o portavoz municipal nacionalista.
1 Comentario
Participa en la conversación
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.
Roberto AC
A municipalización esta mui ben, pero tristemente barallase e estudase todo tipo de contas e xestions dos servizos e nunca teñen en conta a os traballadores, os seus postos, que ano tras ano levan desempeñando, moitas veces dunha maneira precaria polas circunstancias e as realidades económicas dos concellos….asi que tanto o BNG coma a todas as formacions politicas teñan en conta os traballadores, sempre deberían de ser o primeiro a ter en conta.
Saudos