OleirosTV...

Asociación Vieiros | COLABORACIÓN O teatro-auditorio das Torres de Santa Cruz (Liáns) acolleu este pasado martes 19 de marzo, da man da Asociación Cultural Vieiros, a presentación en Oleiros do grupo de comunicación Sermos Galiza. Sermos é un dos proxectos mediáticos nacidos durante 2012, ao igual que o diario dixital Praza Pública, que vén de facer recentemente un ano de vida. Outros medios xa existentes, como o grupo de emisoras de radio locais Radiofusión, o dixital Galicia Confidencial ou a xa veterana revista Tempos Novos, tamén lanzaron este pasado ano a iniciativa en rede Vitaminas para o Galego. Se 2011 fora un verdadeira annus horribilis para os medios galegos, co feche de Xornal de Galicia, A Nosa Terra e Galicia Hoxe –único xornal diario editado integramente na nosa lingua que se podía atopar no quiosco- 2012 foi un ano de aparecemento de novas iniciativas. Sermos Galiza non ten aínda o ano de vida, se ben xa en xuño de 2011 comezaron a darse pasos en firme para a súa creación. Segundo onte nos relataron o polifacético Xurxo Souto, músico e activista cultural que fixo parte da comisión promotora do medio, e Xoán Costa, actual conselleiro delegado do grupo, botou a andar o 26 de abril de 2012 como diario dixital no sitio web sermosgaliza.com e como semanario en papel o 8 de xuño. Previamente, editábase un nº 0 especial o 17 de maio, Día das Letras. Este semanario en papel, que sae á venda cada venres e se pode adquirir en calquera quiosco e libraría (a distribuidora é a mesma que achega todos os demais xornais), vai xa polo seu nº40. O seu formato foi reformulado a partir da primeira semana de xaneiro de 2013. Como nos explicaron onte os seus representantes, Sermos Galiza é un proxecto colectivo en permanente construción. E quere seguir a selo independentemente do grao de aceptación social e consolidación que acadar no futuro: a súa filosofía é colaborativa; busca seguir sumando para seguir medrando, ter en conta todo o tempo a opinión do seu público lector –real ou potencial –e dar acollida todas aquelas voces e colectivos sen cabida nos grandes grupos de comunicación. En paralelo, é un medio “nacido desde abaixo”: posíbel grazas ás pequenas achegas de pequen@s accionistas, de maneira que ningún gran grupo se poida chegar a facer co control do consello de administración e impor determinados intereses de parte. O resto dos seus ingresos básicos veñen dados pola publicidade e polas subscricións, proceso de captación que en realidade vén de comezar agora. Neste sentido, o alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, presente no acto, indicou que o Concello viña de formalizar o compromiso de subscrición da nosa rede de bibliotecas municipais. Como medio que vai sumando e vai medrando, Sermos Galiza introduce de a cada pouco novidades para se completar: desde xaneiro deste ano inclúe no semanario en papel un caderno central de oito páxinas, o A fondo, para informar polo miúdo dun tema concreto analizado desde múltiplas perspectivas. No futuro máis próximo están xa a creación dunha tenda dixital –desde a que se poderán adquirir produtos de todo tipo– e o lanzamento dunha emisora de radio propia, algo en todo o caso pendente do Concurso de licenzas. Con certeza que non serán os únicos. Como medio pensado desde unha filosofía colaborativa, Sermos Galiza traballa tamén por tecer unha ampla rede: por exemplo, de colaboradores habituais (na actualidade máis de 200; cifra que segue a medrar). Mais tamén con outros medios: por exemplo, de ámbito local, para cubrir unha demanda real aínda non de todo satisfeita. Por último, outra idea se cadra novidosa: a colaboración de distintos colectivos sociais na propia produción da información e da opinión. Diso falounos Cesáreo Sánchez Iglesias, escritor e presidente da AELG (Asociación de Escritoras/es en Lingua Galega), entidade que precisamente vén de asinar un convenio con Sermos Galiza. Froito deste convenio, por exemplo, naceu un folletín literario que se publica con cada número semanal: O cránio de Castelao é unha obra coral na que participan escritores galegos, portugueses, brasileiros e de países africanos e asiáticos de lingua portuguesa. Sermos Galiza é, con certeza, o único medio integramente escrito en galego en formato papel que hoxe podemos atopar nas librarías e quioscos. Mais coidamos que sería unha descrición reducionista dicir del que o único que o diferencia dos outros é a lingua na que está escrito. Sermos aspira a normalizar a nosa lingua propia nun espazo –o mediático– onde aínda queda moita leira por sachar, certo; mais é moito máis. Como nos dixo Xurxo Souto: “aspira a ser un instrumento para o diálogo entre Galiza e todo o planeta Terra”. E, como tamén se dixo, “sumando sempre, para seguir medrando”.

Participa en la conversación