OleirosTV...

JSQ|“A paisaxe é o noso mellor valor e riqueza como pobo; o que mellor define Santa Cruz. Limitala ou apantallala cunha nova edificación é contraditorio co modelo urbanístico asentado en Oleiros”. Compartimos a nova de prensa difundida pola plataforma:
Santa Cruz Aberta ao Mar, nacida da preocupación dun grupo de veciñas e veciños da localidade e doutros puntos de Oleiros polo proxecto de edificación dun novo hotel na parcela do antigo Maxi e do interese por facer propostas para conservar a panorámica aberta do mar da que se goza na actualidade, presentouse hoxe publicamente a través dun sinxelo acto no mesmo soar onde se pretende edificar. A veciña Isabel Torrado e o veciño Román Montero, membros do colectivo veciñal, explicaron que polo de agora a iniciativa está aínda a dar os seus primeiros pasos tanto nas redes sociais, onde dispón xa de páxina de Facebook, perfil en Twitter e un blog (stacruzabertaaomar.blogspot.com), como na rúa, a través dunha campaña de recollida de sinaturas. Apoios que, paralelamente, tamén se están a recoller a través da plataforma dixital Change.org. Isabel Torrado e Román Montero insistiron en que Santa Cruz Aberta ao Mar non nace contra ninguén nin entra a cuestionar a necesidade dun novo estabelecemento hoteleiro no Porto de Santa Cruz e o seu eventual beneficio para a economía local. Cuestiónase, en todo caso, a idoneidade da ubicación, nunha das parcelas máis céntricas e emblemáticas do pobo, a que desde a demolición do antigo Hotel Maxi permite gozar dunha ampla panorámica do mar, presidido polo conxunto da illa e o Castelo. O novo edificio proxectado, lembraron, terá a pesar dos retranqueos previstos máis altura e máis volume de edificabilidade do que tiña o antigo Maxi, tal e como se pode comprobar no estudo de detalle aprobado polo Concello a finais do pasado mes de setembro. “Chamamos a sumar para defender a paisaxe, que é o noso maior valor e un dos signos de identidade que definen Santa Cruz e o conxunto de Oleiros”, explicaron os portavoces da iniciativa veciñal. “Modificar ou alterar a beleza paisaxística recuperada desde a desaparición do antigo Maxi significaría renunciar a ese valor e non entender o que realmente significa ese tesouro mesmo en termos económicos”, engadiron. Ao fío das novidades aparecidas na última semana no ámbito institucional, sobre unha posible negociación coa empresa propietaria do terreo para a súa adquisición, Santa Cruz Aberta ao Mar considera que eses movementos corresponden aos grupos políticos e non ao colectivo veciñal, que evidentemente fará un seguimento do que vaia acontecendo. O colectivo quere deixar claro que é unha iniciativa formada por veciñas e por veciños, lonxe de disputas entre partidos políticos, e aspira a sumar apoios entre todo o mundo, con independencia de ideoloxías ou sensibilidades políticas. “O que queremos é exercer un dereito que nos parece básico á información, ao debate e mesmo á participación sobre o deseño urbanístico do noso pobo”, concluíron.

Participa en la conversación