OleirosTV...

JSQ|Transcribimos la información tal y como le hemos recibido desde Santa Cruz Aberta ao Mar:
O Grupo Parlamentar do Bloque Nacionalista Galego (BNG), a iniciativa da deputada Ana Belén Pontón Mondelo e do deputado Francisco Xesús Jorquera Caselas, ao abeiro do disposto no Regulamento da Cámara, presenta a seguinte Proposición non de lei para debate en Pleno, relativa á construción dun novo establecemento hoteleiro no solar do antigo Hotel Maxi en Santa Cruz (Oleiros). O pasado ano, o Hotel Maxi, no Porto de Santa Cruz (Oleiros), foi demolido, ficando baleira a finca na que se atopaba, a carón do paseo marítimo. Esta demolición foi decidida polo seu propietario tras á modificación da ordenanza 7C do PXOM que daba vía libre á construción dun novo macroedificio de 4 alturas destinado a hotel. Trátase dunha reforma feita á medida dos intereses do promotor, que modifica a norma de cómputo de edificabilidade, o que vai permitir a construción dun edificio de 15 metros no centro máis emblemático de Sta. Cruz, causar un enorme impacto visual no borde marítimo e apantallar as vistas ao Castelo de Santa Cruz, un ben declarado de interese cultural no que o Concello investiu, no seu momento, máis de noventa millóns de pesetas na súa adquisición. A xuízo do Grupo Parlamentar do BNG esta actuación vulnera a Lei de Ordenación Urbanística e protección do medio rural de Galiza, que establece no seu Artigo 104 o seguinte: «As construcións e instalacións deberán adaptarse ó ambiente no que estivesen situadas, e para tal efecto: a) As construcións en lugares inmediatos ou que formen parte dun grupo de edificios de carácter artístico, histórico, típico ou tradicional deberán harmonizar con el. Igualmente cando, sen existir un conxunto de edificios, houbese algún de grande importancia ou calidade dos caracteres indicados. b) Nos lugares de paisaxe aberta ou natural, sexa rural ou marítima, ou nas perspectivas que ofrezan os conxuntos urbanos de características histórico-artísticas, típicos ou tradicionais e nas inmediacións das estradas ou camiños de traxecto pintoresco, non se permitirá que a situación, masa ou altura das construcións, muros e cerramentos, ou a instalación doutros elementos, limiten o campo visual para contemplar as belezas naturais, rompan a harmonía da paisaxe, desfiguren a perspectiva propia dela ou limiten ou impidan a contemplación do conxunto». Pese a iso a Xunta de Galiza informou favorabelmente do proxecto e nin sequera considerou a necesidade de realizar a Avaliación Ambiental Estratéxica nin de solicitar un informe a Patrimonio, malia a proximidade do conxunto da Illa e Castelo de Santa Cruz, declarado Ben de Interese Cultural. A demolición do edificio liberou temporalmente un amplo espazo visual, ampliando de maneira evidente o tramo vistas ao mar e castelo, os maiores atractivos de Santa Cruz, xa non para os seus habitantes, senón para os numerosos visitantes que se achegan e crean un importante movemento económico na zona, permitíndolles constatar toda a potencialidade dese espazo emblemático. Porén, esta situación pode verse rematada no momento que o propietario decida iniciar a execución do proxecto. O Castelo de Santa Cruz e a súa contorna co borde litoral o Parque Luís Seoane conforman un enclave cun gran atractivo e interese turístico que o sentido común nos pide conservar e poñer en valor. Non semella, polo tanto, o máis axeitado que teña que facerse xustamente aí un hotel dese tamaño, cando existen lugares idóneos en Oleiros nos que non produza un efecto negativo sobre a paisaxe, nin expropie a veciños e visitantes o uso desfrute do espectacular borde marítimo de Sta. Cruz. Por todas estas razóns formulamos a seguinte Proposición non de lei para debate en Pleno relativa á construción dun novo establecemento hoteleiro no solar do antigo Hotel Maxi en Santa Cruz (Oleiros). “1.- O Parlamento galego acorda, por resolución, opoñerse á construción dun dun edificio na parcela do antigo Hotel Maxi por causar un enorme impacto visual no borde marítimo e apantallar as vistas ao Castelo de Santa Cruz. 2.- O Parlamento galego insta á Xunta de Galiza a que, no marco das súas competencias, protexa o borde marítimo de Santa Cruz e emprenda as accións necesarias para recuperar a parcela do antigo Hotel Maxi para uso público.” Santiago de Compostela, 31 de marzo de 2015

1 Comentario

  1. Roberto Martinez

    Que pinta en la foto ese campo de futbol metido con calzador??!! ,… en serio la mejor propuesta al lado del mar es … FUTBOL !!! …. van a quedar encantados los usuarios del parque. Y la carretera?? que pasa con la carretera?? también nos la ventilamos?? Por favor, un poco de cordura, que con estas propuestas no se va a ningun lado. Un simple parque con unos bancos, es mil veces mejor propuesta.

Participa en la conversación